Persoas usuarias e traballadoras da asociación Ambar organizaron na localidade de Ribeira unha feira de arte e artesanía para amosar os traballos artesanais que realizan nos obradoiros ocupacionais da entidade.
A través destas mostras en vivo e presenciais, as persoas usuarias do centro poñen en valor o seu traballo, ademais de realizar obradoiros colaborativos e venda de produtos solidarios elaborados por elas mesmas.
Esta acción, levada a cabo co gallo da conmemoración do corenta aniversario da entidade, cumpre a premisa de ‘Impulsar vidas independentes na comunidade’. Tivo lugar no paseo do Malecón de Ribeira, lugar escollido para darlle visibilidade á mostra de produtos.
Entre postos habilitados para a ocasión, había un que acollía unha demostración de artesanía en vivo ademais dun obradoiro de encadernación para os máis pequenos, un obradoiro artístico colaborativo, un posto con información de servizos e proxectos, un posto de venda de produtos solidarios e un espazo para sentarse e conversar coas persoas artistas e artesás que levaron a cabo esta actividade. Esta mostra artesá foi amenizada cun concerto da artista local Lau Panicanela.