• Novas
  • 11 de junio de 2020

Anxo Queiruga, reelixido presidente de COCEMFE por catro anos máis

Anxo Queiruga, reelixido presidente de COCEMFE por catro anos máis


O presidente de COGAMI, Anxo Antón Queiruga Vila, vén de ser reelixido como máximo representante da discapacidade en España, tras obter o apoio unánime dos máis de 100 persoas delegadas e representantes das 91 entidades membro de COCEMFE (Confederación Española de Personas con Discapacidad Física y Orgánica), que votaron durante a asemblea extraordinaria celebrada en formato on line esta mañá.

Tralo nomeamento, Anxo Queiruga afirmou que “nos vindeiros catro anos incidiremos en todas as cuestións que reclamamos como movemento asociativo e aínda non conseguimos, en paliar os efectos negativos que a pandemia COVID-19 está ocasionando sobre as persoas con discapacidade física e orgánica e en que non se produza ningún retroceso no exercicio dos seus dereitos”.

Tras agradecer a confianza depositada polas persoas representantes do movemento asociativo que aposta porque sexa a súa cabeza visible outros catro anos máis, Anxo Queiruga insistiu que non permitirá que “a discapacidade física e orgánica dea un paso atrás”.

A partir de hoxe, Anxo Queiruga ten unha folla de ruta marcada que xa anunciou que consistirá en mellorar a autonomía das persoas con discapacidade física e orgánica en todo o ciclo vital; impulsar a empregabilidade; conseguir a non discriminación das mulleres con discapacidade física e orgánica; garantir a igualdade de oportunidades na infancia a través dunha educación inclusiva e acadar unha mellor coordinación entre o ámbito social e sanitario.