• Novas
  • 26 de mayo de 2023

Anxo Queiruga renova presidencia en COGAMI por catro anos

Anxo Queiruga renova presidencia en COGAMI por catro anos

Volven confiar na súa reelección as persoas representantes das entidades membro que forman parte do movemento asociativo da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade.

COGAMI elixe como presidente a Anxo Queiruga Vila, que leva 16 anos ao fronte da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade, integrada por 56 entidades que traballan pola defensa dos dereitos das persoas con discapacidade e a súa participación social en igualdade de oportunidades.

Este sonense de nacemento e compostelán de adopción, revalida o cargo durante a celebración da XIX Asemblea Extraordinaria celebrada en Santiago, acompañado por 40 persoas representantes da xunta directiva, de entidades membro ademais de persoas convidadas pola Organización. Tras agradecer a confianza depositada novamente, Queiruga expresou “seguiremos traballando a favor da plena inclusión das persoas con discapacidade, esixindo o noso espazo na sociedade dende unha visión de dereitos humanos que faga posible rachar as barreiras que limitan a nosa participación social”.

Nesta nova etapa, a Anxo Queiruga acompañarano como vicepresidente Ramón Sestayo, como vicepresidenta 2ª Mónica Álvarez, como secretario xeral Víctor Silva, como vicesecretaria Juani Tubío, como tesoureiro Álvaro García, como vicetesoureiro Paulo Fontán, e como vogais Celso Álvarez, José Luís Costoya, Laura Quintas, Manuel Santos, Ignacio Rodríguez, Carmen Fernández, Juan Antonio Da Silva, José Luís Lolo e Monteserrat Cuevas, xunto con Javier Mouriño que vén a sumarse á directiva.

Queiruga entra a formar parte de COGAMI no ano 1997, comezando como técnico de administración e en 2002 pasa a ser responsable das áreas de formación e emprego. En 1998 é nomeado vicepresidente e no ano 2007 asume a presidencia de COGAMI, un cargo que volve renovar no día de hoxe por catro anos máis.

Retos para esta nova etapa.

Para estes catro anos, pese a ter avanzado, queda traballo por facer, polo que entre as principais liñas de actuación que expón a directiva para esta nova etapa destacan traballar por un modelo de autonomía persoal inclusiva en todo o ciclo vital da persoa, impulsando o deseño de modelos de apoio á vida independente que combinen servizos e recursos que procuren a permanencia das persoas con discapacidade na contorna o máximo tempo posible, tratando de evitar a súa institucionalización cando non sexa o modelo elixido pola persoa.

Para conseguir a non discriminación das mulleres e nenas con discapacidade cómpre poñer en marcha políticas inclusivas que dean resposta ás súas necesidades e fomenten a súa participación social en igualdade. Igualmente, é preciso poñer o foco na infancia e nas súas necesidades para potenciar o máximo desenvolvemento dende a idade temperá, proporcionando os apoios necesarios ás familias e garantindo o acceso a servizos na contorna.

As persoas con discapacidade que viven no rural fano con maiores desigualdades con respecto ás que viven en núcleos urbanos. Por iso, é preciso garantir que os recursos cheguen a todo o territorio, os concellos deben seguir investindo en achegar os servizos ás persoas.

Acadar unha mellor coordinación entre o ámbito social e o sanitario é prioritario para promover unha correcta intervención no eido da saúde, asegurando o acceso a medicamentos, tratamentos e produtos sanitarios necesarios e unha correcta intervención e a aposta pola investigación.

A educación inclusiva, real e efectiva, en todas as etapas formativas ten que estar asegurada, garantindo a dotación de persoal, ferramentas e instalacións accesibles. A formación é fundamental para poder optar a un traballo que permita a independencia económica e, polo tanto, social e familiar. COGAMI seguirá apostando pola formación orientada á mellora da competitividade empresarial, capacitando ás persoas segundo as demandas do mercado, e á xeración de oportunidades laborais.

A sociedade está pensada para un estereotipo de persoa que hoxe en día non corresponde coa diversidade, polo que seguiremos traballando na eliminación das barreiras arquitectónicas, que son as visibles, e tamén polas que impiden o avance, que son as sociais, promovendo o deseño de espazos inclusivos conforme aos criterios de accesibilidade universal para asegurar a participación de todas as persoas. Urxe a aprobación do Decreto de Accesibilidade, vital para o desenvolvemento da Lei de accesibilidade de Galicia, aprobada por unanimidade dos grupos parlamentarios en 2014, cun prazo de 24 meses para a redacción e a probación do mesmo e que, a día de hoxe segue pendente.

A cohesión do movemento asociativo, potenciando o traballo en rede dende o ámbito local ata o europeo, para a posta en marcha de proxectos innovadores continuará a ser unha constante no traballo da entidade así como a reivindicación do cumprimento da Convención Internacional sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade para garantir o exercicio dos dereitos e a protección das persoas con discapacidade. Todo isto, apunta Queiruga, “require dun financiamento estable e da posta en marcha do Concerto Social que garanta a continuidade e o inicio de novos servizos que dean resposta ás necesidades e demandas das persoas con discapacidade”.

Foto Anxo     Foto Xunta directiva