• Novas
  • 22 de junio de 2023

AODEMPER conmemora o Día Mundial da loita contra a ELA

AODEMPER conmemora o Día Mundial da loita contra a ELA

A asociación AODEMPER conmemora o Día Mundial da Loita contra a ELA (Esclerose Lateral Amiotrófica), unha enfermidade dexenerativa de tipo neuromuscular que a día de hoxe, non ten posibilidade de cura, pero si é posible mellorar a calidade de vida e acompañar ás persoas que teñen esta enfermidade e familiares durante o proceso.

Co motivo do Día Mundial, a Asociación Ourensá de Esclerose Múltiple, Párkinson e Enfermidades Raras, entre as que se encontra a ELA, realizou unha campaña de sensibilización en colaboración co Servizo de Humanización da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, no Complexo Hospitalario de Ourense (Edificio de Cristal) o 21 de xuño, onde se instalou unha mesa informativa.

Tamén se promoveu a iniciativa #LuzpolaELA, co obxectivo de chegar a máis persoas para que aquelas que aínda non coñezan esta enfermidade poidan facelo. Ilumináronse de cor verde (cor que simboliza a ELA) edificios emblemáticos da cidade de Ourense: A Deputación, a Subdelegación do Goberno e a Ponte Romana. Ademais, este ano iluminouse tamén a fachada do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense.