Satisfacción nas entidades que forman parte de Cermi Galicia (Comité de Entidades Representantes de Persoas con Discapacidade de Galicia) tras aprobar o Parlamento de Galicia unha proposición non de lei presentada polo Grupo Socialista, na que se pedía ao goberno da Xunta o reforzo dos equipos de valoración da discapacidade co fin de reducir as listas de espera.
O texto aprobado pola Cámara autonómica recollía “o Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a incrementar o número de postos de traballo dos equipo de valoración da discapacidade da nosa Comunidade Autónoma, co obxectivo de eliminar a lista de espera antes de finais de novembro de 2018, tanto nas solicitudes como nas revisións das valoracións da discapacidade”.
Esta proposición aprobada vén despois dunha demanda formulada polas entidades que forman o grupo social da discapacidade en Galicia, pola necesidade de reducir as listas de espera e demoras na adquisición do certificado de discapacidade.