• Novas
  • 27 de noviembre de 2017

Arriva Galicia e COGAMI presentan unha iniciativa solidaria para contribuír na mellora das mulleres con discapacidade que sofren violencia de xénero

Arriva Galicia e COGAMI presentan unha iniciativa solidaria para contribuír na mellora das mulleres con discapacidade que sofren violencia de xénero


A empresa de transportes Arriva desenvolverá unha iniciativa solidaria cuxa recadación será destinada a apoiar ás mulleres con discapacidade que sofren violencia de xénero. Así o recolle o convenio de colaboración que esta mañá asinaron en Santiago representantes de Arriva Galicia e máis COGAMI.

O CEO de Arriva en España, Juan Ignacio García de Miguel e mailo presidente de COGAMI, Anxo Queiruga, foron as persoas que asinaron un convenio, a través do cal Arriva Galicia doará a COGAMI entorno ao 5 por cento dos billetes de autobús expedidos en Galicia durante os días comprendidos entre o 11 e o 17 de decembro dentro da iniciativa “Semana solidaria de Arriva Galicia”. A compañía de transporte rotulará os seus buses coa imaxe gráfica da campaña para dar a coñecer entre as súas persoas usuarias a colaboración con COGAMI.

A cantidade recadada durante a “Semana solidaria de Arriva Galicia” será destinada a accións desenvolvidas por COGAMI que contribúan á mellora das mulleres con discapacidade que sofren violencia de xénero. Juan Ignacio García de Miguel, CEO de Arriva en España, asegurou: “As empresas temos unha responsabilidade coa sociedade e a contorna na que desempeñamos a nosa actividade. Por iso, con esta colaboración queremos amosar o compromiso de Arriva Galicia coas persoas con discapacidade e singularmente coas mulleres deste colectivo cuxa vulnerabilidade é se cabe maior”. Pola súa parte, Juan Gómez Piña, director xeral de Arriva Galicia, quen tamén estivo presente na sinatura do convenio, afirmou: “contamos actualmente con máis do 60% dos nosos vehículos adaptados a persoas con mobilidade reducida e incorporaremos 23 autobuses máis con plataforma neste próximo ano”.

Dende COGAMI, o seu presidente, Anxo Queiruga, explicaba que “gracias a colaboracións coma esta, podemos desenvolver iniciativas tan importantes como atender ás mulleres con discapacidade que sofren unha tripla discriminación, por ser mulleres, por ter discapacidade e por vivir no medio rural”.

O artigo 1 da declaración sobre a eliminación da violencia contra as mulleres da ONU, define esa violencia “todo acto violento baseado na pertenza ao sexo feminino que poida ter como resultado un dano ou sufrimento físico, sexual ou psicolóxico para a muller...” Segundo datos que manexa COGAMI, das máis de 500 mulleres con discapacidade que participaron nos seus programas, o 80% foron vítimas de violencia (considerada esta como violencia sexual, obstétrica, estrutural, abusos...)

COGAMI leva máis de 15 anos traballando de maneira específica aspectos relacionados coa violencia e as mulleres con discapacidade e loitando pola visibilización desta lacra social. Esta colaboración que ofrece Arriva Galicia é unha ferramenta de grande importancia de cara á abordar as desigualdades e para visibilizar calquera forma de violencia contra as mulleres con discapacidade. Ademais, este acordo permitirá dar continuidade ás accións postas en marcha por COGAMI para traballar na prevención, no tratamento de casos de violencia de cara á que poidan ter as mulleres unha mellora da súa calidade de vida.

Arriva Galicia e COGAMI xa teñen colaborado en anteriores ocasións. Así, en 2015 asinaron un acordo para fomentar a integración laboral de persoas con discapacidade, que incluía un plan de actuación conxunta para sensibilizar e asesorar a condutores e persoal da compañía, a realización de prácticas de persoas con discapacidade na empresa, etc.