Con data do ano 2016, a Deputación de A Coruña iniciou a colaboración con COGAMI financiando o Servizo de Orientación e Intermediación Laboral para promover a igualdade de oportunidades no acceso ao mercado de traballo das persoas con discapacidade. A través de accións como información, asesoramento, orientación e intermediación laboral, con este programa de inserción preténdese aumentar a autonomía da persoa e a súa motivación de cara á busca de emprego.
A Deputación de Lugo é outra das institucións provinciais que colaboran con COGAMI na inclusión das persoas con discapacidade. Mediante o convenio de Dinamización Asociativa iniciado en 2015, desenvólvíase un programa de atención a persoas con discapacidade en áreas rurais, co obxecto de mellorar as condicións de vida, favorecer a integración social e laboral, aprender a empregar os distintos recursos, ampliar coñecementos, abordar a prevención e mellorar a súa calidade de vida. Ten como destinatarias sobre todo aquelas persoas que presentan unhas maiores dificultades de participación social, ademais das familias e contorna afectiva.
Ese convenio, xunto con outro dirixido á mellora da empregabilidade para persoas con especiais dificultades de inserción, evolucionaron cara ao actual que busca a promoción e mellora da participación social das persoas con discapacidade na súa contorna, a través do desenvolvemento de actividades no centro de atención diúrna terapéutica que COGAMI xestiona en Lugo, onde acoden persoas con discapacidade de toda a provincia. Case trinta persoas son as que se benefician deste centro que presta servizos de mantemento e rehabilitación, formación básica e instrumental, información e orientación e tamén dispón de transporte adaptado e comedor.
A terceira das catro deputacións provinciais que apoia o labor de COGAMI é a Deputación de Pontevedra. A través dun convenio nominativo con COGAMI, financia o servizo de emprego, co fin de promover a igualdade de oportunidades no acceso ao mercado de traballo das persoas con discapacidade, dotándoas de ferramentas e capacitándoas para o desenvolvemento laboral. Conectadas, Enruta coa Depo e a convocatoria para o fomento da igualdade de oportunidades e a loita contra a violencia de xénero que se desenvolve dende 2019, son outros programas apoiados por esta institución.