A Asociación de Persoas con Discapacidade de O Carballiño e comarca (ASDIFICA) iniciará un programa de rehabilitación e fisioterapia a persoas con discapacidade, co fin de mellorar a mobilidade, diminuír a dor e as sobrecargas a través do fortalecemento muscular.
A través deste programa, que financia a Deputación de Ourense, preténdese mellorar a calidade de vida das persoas traballando aspectos que poidan limitar a súa participación social ou a realización doutras tarefas debidas ás molestias físicas que produce a discapacidade.
As sesións individuais de fisioterapia serán na clínica de fisioterapia e rehabilitación Luis M. López Alonso, trala sinatura dun convenio entre a clínica e ASDIFICA, realizando un número de seis sesións por persoa usuaria.
O decreto do estado de alarma por mor do COVID-19 e o conseguinte parón na actividade de ASDIFICA, ocasionaron un empeoramento do estado xeral das persoas usuarias pola inactividade e encerro, con diminución no ton muscular e aumento de rixidez corporal.