A Asociación Galega de Transplantados de Medula Ósea (ASOTRAME) pon en marcha un novo proxecto que se vai desenvolver durante este ano. Denominado `Café co teu hematólogo´, pretende conectar de maneira on line a persoas que están vivindo unha enfermidade oncohematolóxica, persoas superviventes que superaron a enfermidade, familiares e a un especialista ao que lle poderán trasladar todas as dúbidas e preguntas.
A primeira sesión iniciará o martes, 26 de xaneiro, ás 19:30 horas a través de Skype, e contará coa participación do hematólogo do CHUAC, Víctor Noriega, quen se encargará de aportar información médico científica para aclarar as dúbidas que poidan xurdir ante unha doenza oncohematolóxica.
A través do `Café co teu hematólogo´, Asotrame pretende sensibilizar, difundir e darlle voz ás persoas que se atopan nunha situación de vulnerabilidade ocasionada pola enfermidade oncohematolóxica.
Para participar, é necesario realizar unha inscrición previa enviando un correo a psicologia@asotrame.com e, no caso de querer ampliar información sobre este ou calquera outro servizo que ofrece Asotrame, poden chamar ao teléfono 686 876 865.