• Novas
  • 25 de enero de 2022

Asotrame estrea piso de estancia temporal en Santiago para pacientes e familiares de oncoloxía desprazados

Asotrame estrea piso de estancia temporal en Santiago para pacientes e familiares de oncoloxía desprazados

A Asociación de Transplantados de Médula Ósea (Asotrame) abre unha segunda vivenda de estadía temporal na provincia de A Coruña. Trátase dun aloxamento gratuíto, situado en Santiago de Compostela, pensado para ofrecer unha solución de habitabilidade a pacientes de oncoloxía desprazados que reciben tratamento ambulatorio no Hospital Clínico, así como a familiares de persoas ingresadas para que poidan acompañalas, evitando viaxes que, moitas veces, resultan longas e custosas.

A vivenda, acondicionada por ASOTRAME e situada no barrio de Pontepedriña, supón un fogar temporal sen custe algún para a persoa usuaria, e permitirá acomodar á vez a dúas familias, ou catro persoas, ao dispoñer de dous cuartos coas súas respectivas salas de estar, e un baño e cociña compartidos.

Con este piso, ASOTRAME aposta por estender o seu programa Como na Casa que xa funciona con éxito en A Coruña dende hai catro anos ao centro de referencia na atención de cancros do sangue de Galicia, tendo en conta o futuro desenvolvemento no CHUS das innovadoras terapias CAR-T cunha fase domiciliaria.

Os gastos de funcionamento do piso compostelán cubriranse coa aportación de 10.000€ realizada por Janssen, a través de Globolizados, unha iniciativa para apoiar ás entidades e pacientes con cancros hematolóxicos de España. Para poder solicitar acceso a esta vivenda en Compostela, é necesario contactar coa entidade a través do número de teléfono 698 130 684 ou no mail asotrame@asotrame.com.