Parabéns para a Asociación Viguesa de Esclerose Múltiple de Pontevedra (AVEMPO) que este ano cumpre vinte e cinco anos de traxectoria, unha andaina que iniciou co obxectivo de axudar, informar e mellorar a calidade de vida das persoas afectadas de esclerose múltiple e a súa contorna.
Ademais de estrear logotipo que homenaxea a traxectoria desta entidade, que entrou a formar parte da Federación COGAMI Pontevedra en 2018, para este ano teñen organizados diferentes actos que irán debullando progresivamente.
Na situación actual que vivimos coa pandemia, AVEMPO faise imprescindible para a saúde das persoas afectadas de esclerose e familiares, proporcionándolles servizos fundamentais para o seu benestar físico e emocional e tamén facéndolles compaña e resolvendo as súas necesidades, sobre todo nos momentos que vivimos con máis incerteza.
AVEMPO nace en outubro de 1996 da man dun grupo de pacientes e familiares que buscaban apoio mutuo ante a coñecida como a `enfermidade das mil facianas´. Durante estes vinte e cinco anos, a entidade converteuse nun espazo de encontro no que se comparten preocupacións, se ofrecen servizos e se buscan solucións comúns para as persoas afectadas por esclerose.
A sede, situada no barrio vigués de Bouzas, proporciona semanalmente a 80 persoas servizos de: atención social, logopedia, psicoloxía, rehabilitación fisioterapéutica e terapia ocupacional, tanto en modalidade presencial como online. Coa pandemia adaptaron os servizos a este novo formato, para que as persoas asociadas que prefiran quedar na casa, poidan igualmente beneficiarse das prestacións da entidade.