A Asociación Viguesa de Esclerose Múltiple de Pontevedra (AVEMPO) ofrece, dentro do programa dirixido a mellorar a calidade de vida, a autonomía persoal e a inclusión social e laboral das persoas con discapacidade, o servizo de Atención Sociosanitaria a través da Terapia Ocupacional co fin de mellorar a funcionalidade e manter o máximo grao posible de independencia das persoas afectadas pola esclerose múltiple.
Este servizo, que se estende ata decembro, pódese levar a cabo co cofinanciamento da Xunta de Galicia a través dos fondos do 0,7% do IRPF da declaración da renda procedentes das persoas contribuíntes que marcaron o cadro de “Actividades de Interese Xeral consideradas de Interese Social” da X Solidaria.
Co mantemento deste servizo AVEMPO busca preservar e mellorar as capacidades funcionais das persoas afectadas por esclerose múltiple, para que acaden a máxima participación nas actividades importantes para a persoa, incrementando a súa autonomía e calidade de vida. A participación nas actividades cotiás non sempre é posible para unha persoa que vive coa que se coñece a enfermidade das mil caras, polos numerosos síntomas que provoca.
AVEMPO busca cubrir de forma continua os servizos de atención e rehabilitación, xa que son fundamentais para o tratamento dunha enfermidade crónica como é a Esclerose Múltiple. Por este motivo, debido a situación actual de pandemia, ofrece ós seus usuarios a posibilidade de realizar o servizo de terapia ocupacional de forma presencial ou online.