• Novas
  • 04 de diciembre de 2020

Baixo o lema voluntari-ON 2020 a Rede Lucense de voluntariado de Lugo sae á rúa

Baixo o lema voluntari-ON 2020 a Rede Lucense de voluntariado de Lugo sae á rúa

Entidades que pertencen á Rede Lucense de Voluntariado, sendo unha delas COGAMI, saíron á rúa para conmemorar o Día Internacional do Voluntariado. Concentradas na Praza Maior da cidade, representantes da Rede leron un manifesto que se expón a continuación.

MANIFESTO

O ano 2020 desatou un chamamento social á solidariedade sen precedentes na nosa historia. Nesta crise sanitaria e social vimos como xurdía unha cidadanía comprometida coas persoas, disposta a implicarse nas distintas emerxencias e problemas humanos que xerou a pandemia. 

Dende a Rede Lucense de Voluntariado queremos reivindicar o labor das persoas voluntarias que estiveron en primeira liña afrontado medos, asumindo riscos e tomando todas as precaucións ao seu alcance para cumprir co seu compromiso. Recoñecemos o labor de quen materializou esforzos para adaptar o voluntariado á nova realidade imposta polo COVID e a quen aportou ideas e enerxía para chegar a todas as zonas de sombra que desatou a pandemia.

Durante esta crise, máis de dous millóns de persoas que non formaban parte de ningunha rede de voluntariado decidiron activarse para paliar a dor e a fraxilidade allea. Por unha breve etapa ou nun momento puntual deixaron atrás a inacción para unirse á tarefa solidaria. Todo ese potencial humano non pode perderse. Non pode quedar en mera reacción emotiva ante un suceso que conmocionou ao planeta.

Dende a Rede Lucense de Voluntariado volvemos destacar o valor da acción voluntaria, non só como unha aproximación ao asistencial senón como motor de cambio, de transformación cara a unha sociedade máis comprometida cos Dereitos Humanos que vibra e actívase coa dor allea; coa inxustiza que sobrevén aos colectivos máis vulnerables.

O voluntariado é compromiso a longo prazo, identificación. O voluntariado é empatía. É necesario que dende as administracións, as empresas ou a educación se apoie e promova a acción voluntaria de maneira permanente. Hai que inculcar unha cultura da solidariedade na cidadanía, dende a infancia ata a vellez, porque non existe outra aposta máis segura que o fomento do voluntariado.  

Neste 5 de decembro dende as entidades que formamos a Rede Lucense de Voluntariado comprometémonos a actuar para potenciar a iniciativa solidaria das persoas que se achegaron ás nosas organizacións. Tamén desexamos acoller ás que buscan causas para ofrecer o máis valioso que posúen: tempo e vontade.

É momento de explorar novas vías de colaboración entre os distintos axentes sociais para fortalecer este compromiso. É urxente actuar. É hora de coidar o mundo.