Iniciaba o pasado 30 de maio durante a conmemoración do Día Mundial da Esclerose e, tras estes meses de andaina realizada por persoas que quixeron darlle visibilidade á campaña `CaminEMos pola esclerose múltiple´, a liña de meta deste camiño simbólico estivo marcada en Santiago.
A Asociación Española de Esclerosis Múltiple (AEDEM-COCEMFE) conmemora o fin desta campaña nun acto institucional no que se reivindicaron dereitos que exixe un colectivo a través da lectura dun Manifesto a favor das persoas con esclerose múltiple, onde destacan o recoñecemento automático do 33% de discapacidade coa diagnose da esclerose múltiple e outras enfermidades dexenerativas.
A este acto asistiron o director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, a xerente do Sergas, María Estrella López-Pardo, a concelleira de Políticas Sociais do Concello de Santiago, Milagros Castro Sánchez, e o presidente de COGAMI, Anxo Queiruga Vila.
Para rematar, o acto contou co compoñente festivo e de encontro a través do concerto do grupo Los Mecánicos e cun xantar de confraternidade ao que asistiron persoas usuarias, familiares e profesionais das entidades representativas en Galicia da esclerose múltiple: ACEM Coruña, AVEMPO, ALUCEM, AODEMPER e ACEM Santiago.
Balanzo da campaña
Dende que iniciou no Día Mundial da Esclerose Múltiple, o pasado 30 de maio, foron centos de persoas as que participaron na campaña `CaminEMos pola esclerose múltiple´ promovida por AEDEM-COCEMFE en coordinación e colaboración coas súas 47 entidades membro, co fin de visibilizar unha doenza a través dun camiño simbólico. En palabras da presidenta de Acem Compostela, Teresa González Salvadores “o máis grande desta campaña é que as miñas compañeiras e compañeiros de enfermidade son os auténticos protagonistas. Decidiron seguir camiñando no seu día a día, coa ilusión e gañas de vivir a pesar das súas limitacións. Son un exemplo”.
A incapacidade que provoca a esclerose múltiple caracterízase por trastornos motores, cognitivos e visuais, ansiedade e depresión, síntomas `invisibles´ moitas veces pero que impactan na calidade de vida destas persoas. A través desta campaña quíxose visibilizar o importante labor das asociacións de persoas con esclerose múltiple como axentes indispensables na abordaxe integral da enfermidade e mellora da calidade de vida das persoas con esclerose múltiple dende a súa diagnose.