• Novas
  • 23 de junio de 2023

Campamentos de verán inclusivos: monitoras e monitores do Concello de Vimianzo van ser formados por COGAMI

Campamentos de verán inclusivos: monitoras e monitores do Concello de Vimianzo van ser formados por COGAMI

A educación inclusiva na que están a traballar COGAMI e COCEMFE nos centros escolares galegos está a ser trasladada aos campamentos de verán, co fin de que as nenas e nenos con discapacidade que participan poidan, no conxunto do grupo, interactuar en todas as actividades e xogos que se desenvolvan.


Nunha xuntanza mantida por representantes de COGAMI e COCEMFE coa Concelleira de Benestar Social, Igualdade, Ensino e Mocidade de Vimianzo, María José Pose Pérez, acordouse que, durante este mes, COGAMI encargarase de formar aos 17 monitores e monitoras dos campamentos que se van realizar durante este verán no municipio. Nestes campamentos asistirán menores do servizo de atención temperá que, aínda que contan cun monitor especializado en educación especial, dende COGAMI o que se pretende é que este grupo estea incluído co resto das nenas e nenos, e que participen no conxunto das actividades que se realicen.

Ademais de formación para a inclusión, esta xuntanza aproveitouse para explicar outros servizos que ofrece COGAMI como o de Emprego. Actualmente, a orientadora laboral de COGAMI, Beatriz Barriga, desprázase ata Vimianzo para atender as necesidades das persoas deste municipio apuntadas na bolsa de emprego, sendo actualmente un total de 87 persoas na comarca de Terra de Soneira. Dende o Concello confirmaron que cederán un espazo para poder realizar a atención ás persoas usuarias do servizo, onde se poderán desenvolver as entrevistas de orientación laboral, concertar visitas a empresas e traballar tamén na sensibilización e visibilidade da discapacidade.