• Novas
  • 28 de diciembre de 2021

Case 30 persoas con esclerose múltiple recibiron este ano terapia ocupacional en AVEMPO

Case 30 persoas con esclerose múltiple recibiron este ano terapia ocupacional en AVEMPO

Un total de 27 persoas afectadas de esclerose múltiple beneficiáronse en 2021 do servizo de terapia ocupacional que ofrece a Asociación Viguesa de Esclerose Múltiple de Pontevedra (AVEMPO), dentro do programa dirixido a mellorar a calidade de vida, a autonomía persoal e a inclusión social e laboral das persoas con discapacidade.

Financiado a través dos fondos do 0,7% do IRPF que xestiona a Xunta de Galicia e proceden das persoas contribuíntes que marcaron o cadro de Actividades de interese xeral consideradas de interese social, coñecido como X Solidaria, este servizo que ofrece AVEMPO na súa sede pretende mellorar a funcionalidade e manter o máximo grao posible de independencia das persoas afectadas pola esclerose múltiple.

O conxunto de numerosos síntomas que afectan ás persoas da coñecida como “a enfermidade das mil caras”, en interacción cun entorno que non sempre é favorable, pode orixinar problemas para que as persoas con esclerose múltiple participen nas actividades cotiáns. A través deste servizo AVEMPO busca preservar, e se é posible mellorar, as capacidades funcionais das persoas afectadas pola enfermidade, co obxecto de que alcancen a máxima participación nas actividades importantes para a persoa, incrementando así a súa autonomía e calidade de vida.