Félix Castro de Tordoia, Cristina Blanco de Santa Comba, Jonathan Peón de Trazo e Carlo Amorese de Santiago de Compostela non se coñecían e actualmente comparten casa de luns a venres no centro de Bembibre, no concello de Val do Dubra. Estas catro persoas teñen discapacidade e, co apoio de dúas profesionais da Asociación Avante, os tres compañeiros e maila compañeira de piso practican todas as habilidades que se necesitan para levar a cabo unha vida independente, sen estar baixo a supervisión diaria da familia.
Como calquera persoa que vive soa ou que comparte vivenda, organizan as tarefas propias dun fogar como a planificación de menús, a lista da compra, cociñar, lavar, limpar, pasar o ferro e sacar o lixo. Tamén teñen a liberdade para organizar o seu propio tempo de lecer practicando deporte, facendo saídas ou excursións, indo ao cine ou simplemente para poder saír tomar un café nalgunha das cafeterías de Bembibre.
Estas catro persoas poden vivir a súa propia vida con independencia da familia a través do programa de Promoción da Autonomía Persoal que está cofinanciado pola Xunta de Galicia a través dos fondos do 0,7% do IRPF de todas as persoas que marcaron o recadro de `Actividades de Interese xeral consideradas de interese social´, coñecido polo recadro da X Solidaria.
A vivenda tutelada é un servizo que ofrece dende o ano 2011 a asociación Avante, entidade que forma parte de COGAMI, como un servizo específico destinado a mellorar a calidade de vida das persoas con discapacidade e das súas familias, como xa leva facendo a asociación durante os corenta anos dende que se creou. Non existe límite de tempo establecido de estadía na vivenda, Félix e Cristina están convivindo nela dende que abriu mentres que Jonathan entrou o ano pasado e Carlo incorporouse o 5 de setembro deste ano.