• Novas
  • 28 de enero de 2021

CERMI Galicia e Xunta traballarán conxuntamente para acabar coa discriminación das mulleres con discapacidade

CERMI Galicia e Xunta traballarán conxuntamente para acabar coa discriminación das mulleres con discapacidade

A Comisión da Muller do CERMI Galicia, entidade da que forma parte COGAMI, e maila Xunta de Galicia, iniciarán unha colaboración “fluída e constante” para poñerlle fin á discriminación coa que viven diariamente as mulleres con discapacidade. Así se puxo de manifesto durante a xuntanza virtual mantida entre as integrantes da Comisión da Muller do CERMI Galicia e maila secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella.

Nesta xuntanza, abordouse a necesidade dunha colaboración entre as dúas institucións para paliar, segundo CERMI Galicia “a discriminación que sofren as mulleres polo feito de selo, vese agravada no caso das mulleres con discapacidade e aínda máis cando están vivindo no rural”.

A Secretaria Xeral propuxo establecer un diálogo constante para “apoiar e despexar todas as dúbidas que poida haber sobre as distintas problemáticas que poidan ter as asociacións dende a perspectiva de xénero” e propón a posibilidade de establecer un encontro periódico coas entidades.

Durante a xuntanza, dende a Comisión da Muller informóuselle a López Abella da xornada conmemorativa que se está preparando para o vindeiro 8 de marzo, Día Internacional da Muller, e tamén acordouse propoñer a incorporación deste colectivo de mulleres do CERMI Galicia ao Observatorio Autonómico de Violencia de Xénero e a outros órganos colexiados e participativos.