Inicia a segunda edición do proxecto Edison, iniciativa de micromecenado da USC promovida pola Aula TIC-Pemes (ATP) do Campus de Lugo e que conta co respaldo económico de varias empresas, co fin de proporcionar formación universitaria a persoas con discapacidade orientada á adquisición de habilidades sociais e persoais para acceder a un posto de traballo de calidade.
COGAMI colabora na selección das persoas que forman parte deste proxecto, unha iniciativa que busca, a través da inclusión social, mellorar o grao de empregabilidade das persoas con discapacidade que, segundo indicou a coordinadora da Aula TIC-Pemes da USC, Ángeles López, “este colectivo na actualidade atopa non poucas dificultades para acceder con éxito ao mercado laboral”.
O programa do proxecto Edison está estruturado en dúas fases, unha primeira etapa de formación teórica nas aulas da USC que se estenderá durante un período de 125 horas lectivas, e un segundo período de aprendizaxe práctica en empresas de acollida, nas que gozarán dunha estadía laboral durante un total de 162 horas. A superación destes dous módulos de formación permitirá ao alumnado acadar un certificado oficial da USC e ampliará os seus coñecementos e habilidades, ademais doutras competencias engadidas para ingresar con máis garantías no mercado laboral.
Na presentación desta segunda edición do proxecto Edison estiveron acompañando á coordinadora da Aula TIC-Pemes da USC, a vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo, Montserrat Valcárcel Armesto; o coordinador de COGAMI en Lugo, Juan Gude acompañado da orientadora laboral, Toñi Arias; o decano da Facultade de ADE, Roberto Bande, e Ana Ferández Pita, da Aula TIC-Pemes da USC, ademais das sete persoas inscritas como alumnado.