• Novas
  • 21 de octubre de 2021

COGAMI achega a cultura ao seu movemento asociativo a través do programa EN-RED-ARTE

COGAMI achega a cultura ao seu movemento asociativo a través do programa EN-RED-ARTE

Tralo éxito acadado dende que iniciou en 2015, regresa o programa EN-RED-ARTE, unha oportunidade para achegar diferentes disciplinas artísticas culturais a centros e entidades que forman parte de COGAMI.

Financiado pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade a través dun convenio coa Confederación, estase a desenvolver a cuarta edición dunha iniciativa que conta con dous anos de duración e o obxectivo de mellorar o acceso á cultura por parte das persoas con discapacidade, proporcionando experiencias culturais que teñan unha incidencia positiva na aprendizaxe, permitindo desenvolver a curiosidade e sentido estético e crítico.

Sete entidades de COGAMI (Aodem, Acem Compostela, Íntegro, Asearpo, Adisbismur, Avempo, Asdidfica) e os centros de recursos de Medelo e Monteporreiro é onde se están a impartir os obradoiros de teatro, pintura, música, modelado e artesanía e escritura creativa con duración ata o mes de decembro. A segunda parte do programa desenvolverase no primeiro semestre do ano 2022, onde participarán  outras entidades membro da Organización: Adapta, A Xanela, Misela, Vontade e tamén o centro de recursos de Mos.

A través deste programa cultural denominado EN-RED-ARTE, preténdese incentivar o hábito de frecuentar actividades e eventos culturais ademais de estimular a capacidade de superación persoal.