• Novas
  • 17 de abril de 2023

COGAMI achega a discapacidade ao alumnado do colexio Vistahermosa de Ourense

COGAMI achega a discapacidade ao alumnado do colexio Vistahermosa de Ourense

Unha Traballadora Social de COGAMI desprazouse ata o Colexio de Educación Infantil e Primaria Vistahermosa de Ourense para achegar a discapacidade ao alumnado dos cursos de 5º e 6º de primaria.

Un total de 32 rapazas e rapaces, repartidos en dous grupos, asistiron a unhas charlas de sensibilización a través das que se pretende explicar que é a discapacidade, as tipoloxías que hai e como se debe tratar a unha persoa que ten discapacidade.

COGAMI, para sensibilizar e proxectar a discapacidade ao resto da sociedade, realiza campañas en centros escolares, empresas e concellos sobre a prevención de lesións medulares adquiridas e tamén realiza charlas que ofrecen unha perspectiva da discapacidade dende a normalización e a integración.

Estas charlas de sensibilización nos centros de ensino pretenden concienciar sobre a diversidade que existe na sociedade, de que todas as persoas somos diferentes e de que todas temos capacidades. Para estas charlas de sensibilización  COGAMI conta con persoas voluntarias que presentan a súa experiencia de vida en primeira persoa.