COGAMI e mailo concello de Pontevedra veñen de presentar un novo servizo de asesoramento en accesibilidade que vai poñer en marcha o Concello tras contratarllo a COGAMI. Dito servizo, avaliará e asesorará nos proxectos e obras que promova o Concello tanto en edificacións en espazos públicos como parques e xardíns, transporte público, urbanismo, nos eidos propios de prestación de servizo a cidadanía, sempre contemplando o cumprimento da normativa de accesibilidade e a experiencia das persoas con discapacidade tendo en conta todos as tipoloxías da discapacidade que pode ser tanto física como visual, auditiva ou intelectual.
Esta mañá, o Alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, acompañado do coordinador da área de accesibilidade de COGAMI, Álvaro García, e maila técnica en accesibilidade da Confederación, Luisa Miranda, presentou este novo servizo co que vai contar o Concello. En palabras do rexedor municipal, este servizo “cremos que é un paso adiante, un salto cualitativo e tamén cuantitativo porque van ser moitas obras que se van facer de mellora de accesibilidade para que Pontevedra siga sendo un referente mundial de accesibilidade e de recuperación de espazo público para as persoas sen distinción das súas capacidades”.
Dende COGAMI, Álvaro García recordou que o concello de Pontevedra xa foi recoñecido e premiado pola Organización por ser unha cidade que conta con todas as persoas no seu deseño e tamén porque sempre ten as portas abertas para escoitar as recomendacións que lle achegan dende as entidades das persoas con discapacidade. Neste servizo, aparte de contemplar que se cumpra a normativa, segundo explicou Álvaro García “tamén se contempla a experiencia das persoas con discapacidade para que poida mellorar a funcionalidade das obras e que poidan ser utilizadas por calquera persoa en calquera momento”.
Un equipo formado por 2 arquitectos e 2 técnicos con máster en accesibilidade e ampla experiencia no asesoramento de espazos adaptados a persoas con discapacidade, serán as persoas encargadas de asesorar as obras que realice o concello de Pontevedra. Estes profesionais encargaranse de supervisar os proxectos de obra tanto de urbanización como de edificación, co fin de garantir o cumprimento da normativa de accesibilidade. Luisa Miranda recordou que Pontevedra é un exemplo a seguir en accesibilidade pero tamén todo se pode mellorar. “A experiencia, dixo, tamén conta ademais da normativa, como serían a resolución de consultas que chegan dende persoas con discapacidade”. Luisa puxo de exemplo as prazas de aparcadoiro, que a norma di que o espazo posterior debe ser de 1,50 metros pero dende COGAMI e o CERMI comprobouse que o mellor é que sexa a distancia de 3 metros.
O equipo de profesionais en accesibilidade tamén realizará unha avaliación do cumprimento dos criterios de accesibilidade na fase de execución, detectando desviacións co contemplado no proxecto, resolvendo dúbidas e aportando recomendacións para a mellora da funcionalidade. Este servizo de consultaría en accesibilidade permitirá a elaboración de informes e a resposta a dúbidas ou consultas expostas polos técnicos do Concello. Estas consultas poderán referirse a temas como a interpretación da normativa de accesibilidade, a aplicación en casos singulares, tipos de materiais, axudas técnicas, distribución de espazos ou sinalización… considerando, en estes casos, o punto de vista das persoas que poidan ter unha limitación física, visual, auditiva ou intelectual.
O servizo de asesoramento en accesibilidade que inicia estará en vigor durante un ano, estará realizado polo centro especial de emprego Combina Social, unha iniciativa sen ánimo de lucro que se dedica á prestación de servizos e que conta cun cadro de persoal formado por 171 persoas, o 89% destas con discapacidade.