• Novas
  • 09 de diciembre de 2019

COGAMI asina convenio co concello de Narón a favor das persoas con discapacidade

COGAMI asina convenio co concello de Narón a favor das persoas con discapacidade


COGAMI asinou un convenio de colaboración co concello de Narón co fin de apoiar o desenvolvemento dun programa de atención a persoas con discapacidade do concello de Narón.

Trala sinatura, COGAMI recibirá 6.000 euros para levar a cabo un servizo de información e asesoramento individualizado, co fin de mellorar a participación social a través da promoción da busca de emprego. Este servizo está dirixido a persoas con discapacidade, especialmente ás que se atopen en situacións de risco como as que viviron situacións de abusos, desemprego ou as que teñen baixos recursos.

COGAMI atende anualmente a 568 persoas con discapacidade empadroadas no concello de Narón. Conta cun Servizo de Intermediación, Orientación e Prospección de Emprego (SIL) que é centro colaborador do Servizo Público de Emprego de Galicia, e que durante este ano logrou a inserción laboral de 222 persoas (das comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal). Destas insercións acadadas, 63 foron de persoas empadroadas en Narón.  

Ademais de orientación, o SIL tamén ofrece cursos de formación, rexistrando 6 durante o ano 2019: un curso de Operacións auxiliares de servizos administrativos e xerais, 2  cursos de Actividades administrativas na relación co cliente financiados pola Consellería de Economía, Emprego e Industria e o Ministerio de Trabajo, Migraciónes y Seguridad Social; un curso de Persoal de limpeza e outro de Xestión de almacén financiados pola Consellería de Política Social e Fondo Social Europeo e un curso de Operacións auxiliares de servizos administrativos e xerais financiado por Fundación ONCE. Nestes cursos formáronse un total de 84 persoas con discapacidade procedentes das comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal.