• Novas
  • 30 de enero de 2023

COGAMI atende o servizo de atención psicolóxica do Concello de Carral

COGAMI atende o servizo de atención psicolóxica do Concello de Carral

Ante a detección dun incremento de casos de saúde mental entre a veciñanza de Carral, o Concello decidiu poñer en marcha un servizo de atención psicolóxica. Dende o mes de decembro, todos os primeiros e terceiros mércores de mes, unha psicóloga de COGAMI, Rebeca Pérez, pasa consulta dende as 9 ata as 14 horas no edificio social Toñito Espiñeira.

De xeito coordinado cos servizos sociais do Concello, este servizo será realizado por unha profesional con experiencia acreditada na prestación de servizo de psicoloxía que contará co apoio das área Xurídica e de Promoción da Autonomía Persoal de COGAMI.

Esta atención psicolóxica será gratuíta, co fin de poder achegar este servizo necesario a aquelas persoas que non teñen recursos para sufragar unha atención privada. Os casos que atenderá serán de menor gravidade como conflitos familiares ou de parella, falta de amizades, dificultades nas relacións sociais, crises de ansiedade, atención á autoestima, á autonomía persoal, as habilidades sociais e emocionais, así como a intervención en casos de medos, illamento, situacións de crise ou soidade, perdas ou coidado de familiares, entre outros.

Os problemas de maior gravidade, como os psiquiátricos, o risco de suicidio, os trastornos da conducta alimentaria ou os casos de violencia de xénero dos que se teña coñecemento ou poida haber indicios dos mesmos, serán informados a Servicios Sociais para a súa derivación ao “organismo competente” despois da primeira entrevista ou no momento en que se detecte ou diagnostique.