• Novas
  • 19 de diciembre de 2017

COGAMI celebra a xornada de Nadal en Ourense

COGAMI celebra a xornada de Nadal en Ourense


Un ano máis, persoas traballadoras de COGAMI e Galega de Economía Social reunímonos en decembro para asistir á xornada de Nadal, unha oportunidade que serve para coñecer algo máis da nosa Organización e para compartir con compañeiras e compañeiros doutros centros de traballo.

Este ano a temática da xornada xirou entorno ao grupo de empresas, polo que foron os centros especiais de emprego os que presentaron o seu quefacer diario, algúns deles fixérono en clave de humor.

Presentada por Raquel Alvite e Luis Penido, a xornada xuntou a máis de 270 persoas no Auditorio Municipal de Ourense e compartimos un almorzo e un pincho ao remate que nos ofreceu o catering de Aixiña.

              

Esta xornada fixérona posible a colaboración desinteresada das empresas Gráficas Salaet S.A., Granja Campomayor,  Martosa Norte SL, El Pozo Alimentación, Grupo Junquera, Puratos España, Antalis, Harinera Vilafranquina, Jealsa, Eurocebollas, Froitomar, Agencia Gráfica e Hornos Lamastelle. Dende COGAMI queremos agradecer publicamente o seu apoio.

   

 

Na xornada houbo un pouco de todo: vídeos corporativos, vídeos humorísticos, interpretacións teatraNis no escenario, música en directo con guitarra, entrevistas, entrega do Premio Vitamina C que recaeu no centro de recursos de Lugo polas boas prácticas ao compartir a impresora 3D e o discurso do presidente de COGAMI que, como cada ano, fixo un balanzo de como foi este ano e do que se espera para o que vén.

          

A gala, como foi en Ourense, tivo un broche final coa actuación da Real Banda de Gaitas da Deputación, un espectáculo que colleu por sorpresa á maioría das persoas asistentes porque descoñecían esta sorpresa.