COGAMI e a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia colaboran na promoción do uso do galego a través da creación dunha guía dirixida a nenas e nenos galegos coa que, ademais, preténdese dar a coñecer a realidade das persoas con discapacidade promovendo a súa inclusión, derribando barreiras mentais, sensibilizando e concienciando.
Titulada Patios para compartir, para a realización desta guía contouse coa participación dos personaxes populares de Os Bolechas quen, ademais de ensinarlles a nenas e nenos o idioma galego, tamén se encargan de concienciar dende idades temperás sobre a diversidade que existe na nosa sociedade, presentando experiencias próximas á realidade social, ao traballarse valores como o respecto, a tolerancia, a empatía e a solidariedade.
Esta guía, que comprende 25 páxinas con ilustracións e textos educativos redactados nunha linguaxe inclusiva, comprenderá unha impresión de 1.000 unidades que serán distribuídas gratuitamente en bibliotecas escolares e/ou públicas.
COGAMI iniciou en 2018 esta colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística mediante a presentación de unidades didácticas que pretenden sensibilizar a través do conto, o xogo e os debuxos sobre a importancia que ten o respecto e o trato en igualdade.