A traballadora social de COGAMI, Sabela Pérez, e a monitora de Lecer da asociación membro DISCAFIS-COGAMI, Tatiana Estévez, foron as representantes de COGAMI e DISCAFIS-COGAMI para realizar xornadas de sensibilización durante a Semana da Mobilidade que organizou o Concello de Barbadás.
Durante tres días, na compaña da persoa voluntaria e membro da asociación ACADAR, Lorena Quintas, impartiron seis charlas de sensibilización sobre a discapacidade a nenas e nenos de quinto e sexto de primaria dos colexios O Ruxidoiro e Filomena Dato, ademais de participar en actividades organizadas pola rúa xunto coa DXT de Ourense.
Foron preto dun cento de alumnas e alumnos os que participaron nestas xornadas denominadas Ponte no meu lugar, que serven para sensibilizar, informar e rachar cos prexuízos e coas barreiras sociais e mentais.