Persoal do Club Náutico Folixa, docentes e alumnado do IES Leixa, socorristas de Ferrol, e persoas usuarias de COGAMI participan nas xornadas de “Concienciación e boas prácticas na atención ás persoas con discapacidade” que imparte COGAMI, os días 3 e 5 de xullo, nas súas instalacións en Ferrol.
Durante estas charlas, impartidas pola Área de Traballo Social de COGAMI, realizarase unha exposición teórico- práctica sobre a correcta atención ás persoas con discapacidade, a accesibilidade e os produtos de apoio nos areais e no medio acuático, así como os dereitos e deberes no eido do voluntariado.
Un total de 30 persoas están a participar nestas xornadas de concienciación e sensibilización nas que se achega unha perspectiva da discapacidade dende a normalización e a inclusión co fin de contribuír á construción dunha sociedade para todas as persoas.