Un total de 170 persoas usuarias e traballadoras de entidades membro de COGAMI déronse cita no Pavillón Polideportivo O Lameiro de O Pino para participar nunha xornada deportiva organizada pola Fundación Decathlon para conmemorar o seu día.
As entidades Adisbismur, Amarai, Íntegro, Misela, Avante e Aspamite puideron participar en diversas actividades multideportivas nas que podían comprobar dende o equilibrio ata a puntería e a destreza, para rematar co ritmo dunha masterclass de Zumba.
O Día da Fundación Decathlon naceu en 2013, co fin de crear unha xornada deportiva e de lecer na que conviven persoas usuarias de diferentes centros de día e ocupacionais chegados de varios puntos de Galicia, como as comarcas de Muros, Arzúa e Terra de Melide, Costa da Morte, Noia e comarca de Santiago.
Ano tras ano, esta xornada conta con bastante éxito de participación porque adoita ser unha experiencia divertida tanto para as persoas dos centros que forman parte do movemento asociativo de COGAMI como para o propio persoal laboral da empresa deportiva. Ademais, permite a a visibilidade da discapacidade, compartir experiencias e afianzar lazos de amizade entre as persoas participantes.