COGAMI iniciou en Vigo un curso de competencias clave nivel 2 en comunicación de lingua castelá, dirixido a persoas con discapacidade dadas de alta como demandantes de emprego que non teñen o título de ESO. O curso, de 138 horas de duración en modalidade presencial, impartirase ata o 30 de marzo durante as mañás de luns a venres nas instalacións que COGAMI ten en Vigo, na rúa Teixugueiras.
A formación obtida neste curso posibilita, a aquelas persoas que non teñen a titulación da ESO, poder acceder a cursos con certificación de profesionalidade nivel 2, co fin de poder especializarse e capacitarse de cara ao mercado laboral.
Este curso iniciou con 13 persoas apuntadas, 5 mulleres e 8 homes procedentes, ademais de Vigo, dos concellos de Redondela, O Rosal, Gondomar e Tomiño. Esta formación está cofinanciada pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade e o Ministerio de Educación e Formación Profesional.