• Novas
  • 03 de mayo de 2022

COGAMI denuncia a desesperante espera das persoas con discapacidade para ter unha valoración axeitada

COGAMI denuncia a desesperante espera das persoas con discapacidade para ter unha valoración axeitada

Baixo o lema #EsperaYDesespera, COGAMI denunciou fronte aos edificios onde se atopan os Equipos de Valoración e Observación da Discapacidade (EVO), a desesperante espera que milleiros de persoas levan vivindo dende hai anos por unha valoración a tempo e unha baremación actualizada.

Mediante a formación de ringleiras de persoas que saían da porta principal dos EVO, en Santiago de Compostela como en Lugo, Pontevedra e Vigo, COGAMI quixo simbolizar e denunciar as intolerables esperas que deben asumir as persoas con discapacidade para poder acceder aos seus dereitos, causados aos retrasos existentes, tanto na valoración do grao de discapacidade como na implantación do novo baremo da discapacidade.

Este acto, organizado co gallo do Día Nacional da Convención Internacional sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade de Nacións Unidas, contou coa participación de representantes das entidades ACEM Compostela, Ambar, Misela, Avante, Acadar, Amico, Conartritis, Federación Provincial COGAMI Lugo, Alcer Lugo, Federación Provincial COGAMI Pontevedra, AMIZADE, AGL, Alcer Pontevedra, ASEARPO, Vontade, Asem Galicia, AVEMPO, Fibrose Quística, Agadhemo ademais de profesionais e persoas usuarias do proxecto Innovador de COGAMI que se desenvolve no CEGADI, persoas usuarias e profesionais dos centros de  recursos de Lugo, Mos e Pontevedra, xunto a persoas que permanecen á espera da súa valoración ou de que se renove o baremo actual, quen exixirons o fin desta situación.

Durante as intervencións, denunciouse que non recibir unha valoración ou unha revisión do grao de discapacidade a tempo, prexudica ás persoas con discapacidade no emprego, a educación, a accesibilidade, a saúde e tamén impide acceder a prestacións que compensan a  desigualdade de oportunidades.

Dependendo da Comunidade Autónoma, o tempo de agarda é variable, pero incluso dentro dun mesmo territorio ou unha mesma provincia, atopamos diferencias notables ao respecto. Na mesma cidade, pódese atopar un tempo de espera medio de 11 meses e persoas que tardan ata 36 meses en conseguir ter a mesma valoración.

Nos casos máis graves detectados por COGAMI, COCEMFE (Confederación Española de Personas con Discapacidad Física y Orgánica) e o seu movemento asociativo, hai persoas que faleceron antes de ter a resolución, tendo que estar todo o tempo de espera sen recibir apoios no momento no que os precisaban. É importante concretar e apurar estes  trámites para saber se as persoas con discapacidade van ter acceso ou non a certas medidas de apoio.

A todo isto, súmase o novo baremo da discapacidade, cunha espera que ascende a máis de 20 anos. É urxente poñer en marcha o novo baremos do grao de discapacidade, o cal foi consensuado por organizacións, o Goberno e as Comunidades Autónomas.

Este novo baremo non é o ideal porque non aporta certezas sobre o seu despregamento e non indica que elementos vai incorporar fronte aos grandes retrasos na valoración e revisión do grao de discapacidade e fronte á infradotación de recursos nos servizos, que dificulta e condiciona a implantación. Aínda así, é necesario que se poña en marcha porque incorpora melloras para o recoñecemento vinculadas á discapacidade orgánica, como a fatiga e a dor, enfermidades reumatolóxicas ou enfermidades que cursan con brote.

Esta fila forma parte da campaña #EsperaYDesespera á que se sumou COGAMI, como entidade membro de COCEMFE. De maneira simultánea, formáronse un total de 18 ringleiras fronte a edificios públicos repartidas por España para protestar contra esta desesperante espera e contra o impacto que provoca no exercicio de dereitos a milleiros de persoas.

Lectura do manifesto.

Esta campaña está financiada a través das subvencións para a realización de actividades de interese xeral consideradas de interese social da convocatoria do 0,7 do Ministerio de Derechos Sociales y Agenda 2030.