COGAMI desenvolveu máis de 3.500 actuacións con mulleres durante o ano 2020
  • Novas
  • 26 de marzo de 2021

COGAMI desenvolveu máis de 3.500 actuacións con mulleres durante o ano 2020

Malia ser o 51% de representación da poboación de persoas con discapacidade, ser muller e ter discapacidade significa vivir baixo a lousa social dunha tripla discriminación: por ser muller, por ter discapacidade e por vivir en zona rural.

Para combater esta situación discriminatoria, dende a área de Promoción da Autonomía Persoal de COGAMI trabállase en programas de empoderamento da muller, incidindo dende a infancia porque é a etapa na que pode compartir e relacionarse con outras nenas e nenos sen atopar obstáculos que as limiten.

Durante o ano 2020, en COGAMI traballouse con 373 mulleres con discapacidade na xestión de documentación e/ou acompañamento para a obtención de recursos e déuselle resposta ás 850 consultas que realizaron relacionadas con temáticas como a obtención do certificado de discapacidade, a prestación de axudas económicas, o acceso ao mercado laboral ou a accesibilidade, entre outras.

A metodoloxía de traballo empregada pola área de Promoción da Autonomía Persoal consiste na realización de intervencións profesionais encamiñadas ao fomento do empoderamento e a independencia das mulleres. Neste senso, foron 3.505 as actuacións levadas a cabo co fin de diminuír a existencia continuada de discriminación e prexuízos inxustificados e invisibilizados que as privan da oportunidade de exercer os seus dereitos en igualdade de condicións.

Dende que se decretou o estado de alarma durante o ano pasado, dende COGAMI realizouse un traballo intenso de información, asesoramento, orientación sobre recursos, de atención personalizada e de apoio directo con outros organismos, entidades e servizos públicos.