• Novas
  • 22 de noviembre de 2018

COGAMI e ACADAR din non á violencia no Día Internacional da eliminación da violencia contra as mulleres

COGAMI e ACADAR din non á violencia no Día Internacional da eliminación da violencia contra as mulleres

Neste día, a Asociación de mulleres con discapacidade de Galicia, ACADAR, debemos e queremos ter un emotivo recordo polas 44 mulleres asasinadas no ano 2018, así como para os 8 menores que tamén foron asasinados como consecuencia da violencia machista.

Non queremos esquecer a orixe desta data, iniciada tralo asasinato das activistas dominicanas coñecidas como As Bolboretas, as irmás Patria, Minerva e Mª Teresa  Mirabal, un crime que anos despois converteuse no símbolo da loita mundial contra a violencia cara ás mulleres.

Dende ACADAR queremos poñer a énfase sobre a situación de violencia que seguen vivindo as mulleres e nenas con discapacidade, a pesar da preocupación manifestada pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas, especialmente nos delitos contra a liberdade e  indemnidade sexual exercidos cara ás nenas e mulleres con discapacidade en todas as súas etapas e  invisibilizada para a sociedade.

A falta de acceso das nenas e mulleres con discapacidade aos servizos especializados en violencia de xénero, desde os recursos sanitarios, sociais, policiais e xudiciais, así como a falta de formación específica das persoas de referencia nos devanditos servizos, segue constituíndo a maior discriminación que nos atopamos á hora de poder manifestar e denunciar calquera situación de violencia.

Ademais, é necesario proporcionar unha formación en materia de saúde sexual e reprodutiva ás nenas e mulleres con discapacidade, así como a familias e profesionais da súa contorna coa fin de poder recoñecer e identificar calquera delito contra a liberdade e  indemnidade sexual que poidan estar a vivir.

Por todo iso, ESIXIMOS:

- Que se dispoña de recursos e información especializada en materia de saúde sexual e reprodutiva para nenas e mulleres con discapacidade.

- Que dita información e recursos empreguen unha linguaxe sinxela e adaptada.

- Que os profesionais teñan formación específica en materia de saúde sexual e reprodutiva así como dos indicadores que permitan detectar calquera situación que supoña un delito contra a liberdade e  indemnidade sexual.

- Que se dote presupostariamete ao Ministerio do Interior para garantir a accesibilidade aos recursos especializados das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado.

- Que se doten suficientemente as partidas orzamentarias, especialmente nas Comunidades Autónomas e recursos de proximidade para mellorar a atención ás nenas e mulleres en situación de violencia, prestando especial atención á accesibilidade dos recursos sanitarios e sociais especializados.

- Que se poña en marcha unha unidade específica de detección e atención a persoas que estean a vivir delitos contra a liberdade e  indemnidade sexual.

- Garantir protocolos de actuación e detección de delitos contra a liberdade e  indemnidade sexual cara ás nenas e mulleres con discapacidade dirixidos a profesionais.

- Promover grupos de traballo dirixidos a nenas e mulleres con discapacidade encamiñados a detectar e recoñecer os delitos contra a liberdade e  indemnidade sexual, así como os recursos para poder dar coñecemento á devandita situación e erradicala.

- Non máis violencia machista. Nin unha menos!!!!!!!