• Novas
  • 18 de diciembre de 2017

COGAMI e ACADAR inician programa para evitar os abusos sexuais nas persoas con discapacidade

COGAMI e ACADAR inician programa para evitar os abusos sexuais nas persoas con discapacidade


Presentado en Santiago unha unidade que se vai dedicar á detección e identificación de situacións en contra da liberdade e indemnidade sexual das persoas con discapacidade. Denominado Querelar, este programa que é un proxecto piloto, foi presentado esta mañá polo presidente da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade, Anxo Queiruga, a presidenta da Asociación de Mulleres con Discapacidade de Galicia (Acadar), Mónica Álvarez, xunto coa secretaria xeral de igualdade, Susana López Abella, organismo que financia este proxecto.

Durante a súa intervención, Anxo Queiruga, agradeceu publicamente á Secretaría Xeral de Igualdade “porque sempre nos acompaña en calquera iniciativa que temos. Dende COGAMI e Acadar, engadiu, contamos cunha relación fluída tanto por parte da Secretaria Xeral como do seu equipo”.

Querelar está enfocado á prevención de abusos sexuais, e para ilo, profesionais de COGAMI e ACADAR acudirán a centros de educación especial para informar e asesorar ao alumnado, onde ofrecerán atención personalizada con acompañamento e apoio ás vítimas e á súa contorna. Outras das liñas de acción que comprende esta iniciativa é a formación de profesionais  e familias, sen esquecer ás propias persoas con discapacidade, incidindo especialmente nas mulleres.

Case o 80% das mulleres con discapacidade son vítimas da violencia de xénero, e corren o risco de sufrir abusos catro veces máis que as mulleres sen discapacidade, segundo recolle un Informe do Parlamento Europeo sobre a situación das mulleres. Aínda que o programa Querelar vai ir dirixido tanto a homes como mulleres, dende COGAMI e ACADAR queren incidir en que a muller con discapacidade resulta máis vulnerable. En palabras de Mónica Álvarez, “precisamos que as persoas con discapacidade teñan información real non sesgada, que teñan unha unidade á que poidan acudir e consultar todos aqueles que lles preocupan, aquelas teimas que teñan en materia de sexualidade, pois só cando teñamos coñecemento podemos detectar os abusos”.

Querelar está agora na primeira fase de contacto cos centros educativos para poder acceder ás aulas e impartir a formación. O programa terá unha duración inicial de 3 meses, aínda que Susana López confirmou que “tentaremos darlle continuidade porque este programa é necesario, desgraciadamente”, e vai levalo a cabo un equipo técnico de profesionais con formación en sexoloxía e discapacidade. 

Dende o ano 2009 A Dirección Xeral de Igualdade está a apoiar os proxectos que a asociación ACADAR desenvolve en atención ás mulleres con discapacidade. En palabras da Secretaria “se as mulleres están expostas, as mulleres con discapacidade están triplemente expostas e, polo tanto, temos que traballar con estas mulleres e facer un acompañamento personalizado ás persoas que viviron situacións de violencia”.

Querelar desenvolverase en tres fases, a prevención, a detección e a intervención.