O programa de Cooperación que anualmente convoca a Consellería de Emprego e Igualdade a través da Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social posibilitou que tanto COGAMI como 19 das súas entidades membro poidan contar durante este ano con 52 persoas traballadoras, o que supón un apoio para os servizos que prestan.
Este tipo de programas de Cooperación están orientados a entidades sen ánimo de lucro, para que poidan fomentar o emprego a través da contratación de profesionais para desenvolver actividades a favor das persoas con discapacidade. Durante 12 meses ao 75% da xornada traballarán en COGAMI unha traballadora social en Ourense; catro coidadoras nos centros de recursos de Monteporreiro, Lugo e Mos; unha psicóloga en Lugo; unha fisioterapeuta en Mos; unha mestra en educación especial e unha persoa no servizo de limpeza do centro de Medelo en Silleda.
O resto das persoas contratadas a través deste programa de Cooperación formarán parte dos cadros de persoal de entidades membro, sendo na provincia de A Coruña a Federación provincial COGAMI Coruña, Acadar, Adisbismur, Amarai, ASEM Galicia, Ámbar, Íntegro, Alcer Coruña, Grumico, Misela, ACEM Santiago e Asotrame; da provincia de Lugo Agora e Alcer Lugo; na de Ourense Aixiña e Aodem e as entidades Avempo e Vontade da provincia de Pontevedra. Os postos que desempeñarán serán como persoal de mantemento, educación social, traballo social, contabilidade, psicoloxía, terapeuta ocupacional, auxiliar sociosanitario a domicilio, logopedia, actividades físico-deportivas, fisioterapia e coidadoras, entre outros.
Para poder optar a este contrato de Cooperación, as persoas interesadas deben de cumprir con certos requisitos como estar apuntadas como demandantes de emprego no Servizo de Emprego Público de Galicia, ter a formación que se especifica para desenvolver o posto e carecer de experiencia laboral previa. Para a maioría das entidades, moitas delas con escasos medios, este reforzo de persoal permítenlles maior atención dos programas que realizan para a mellora da calidade de vida das súas persoas usuarias.