• Novas
  • 08 de agosto de 2022

COGAMI e as entidades membro desenvolverán 23 proxectos inclusivos a través do Plan de Prioridades da Fundación ONCE

COGAMI e as entidades membro desenvolverán 23 proxectos inclusivos a través do Plan de Prioridades da Fundación ONCE

Aprobados 23 proxectos presentados por COGAMI e as súas entidades membro á convocatoria de subvencións durante este ano 2022 de COCEMFE, entidade que ten un acordo coa Fundación ONCE para executar o Plan de Prioridades e acometer actuacións necesarias para a inclusión de persoas con discapacidade.

O Plan contempla un financiamento de 392.755 euros na execución destes proxectos aprobados, 20 deles relacionados coa atención á autonomía persoal e vida independente, 2 para a creación e consolidación de prazas ocupacionais e un para investir en vehículos para o transporte colectivo de persoas.

Con estes proxectos preténdese mellorar as condicións das instalacións e a calidade dos servizos que oferta tanto COGAMI como o seu movemento asociativo. Esta mellora facilita un axeitado desenvolvemento de actuacións dirixidas á potenciación da autonomía persoal, a unha vida independente e a unha mellora da calidade de vida das persoas e familias.

Catro programas aprobados foron presentados por COGAMI para a mellora do servizo de Atención Integral e Promoción da Autonomía Persoal dos centros de recursos de Mos e de Fingoi, en Lugo, para o programa de promoción da autonomía persoal para persoas con Discapacidade da Mariña Lucense e para a mellora do servizo de transporte adaptado.

Entre os programas aprobados, catorce foron para entidades sociosanitarias como o servizo de atención integral para persoas con fibrose quística; de atención integral, promoción da autonomía e inclusión social de persoas con enfermidade inflamatoria intestinal; de promocíón da autonomía persoal e para o servizo de integración e orientación para persoas con artrite; de atención psicolóxica, de atención psicosocial e de atención do impacto sobre o proxecto de vida a persoas con enfermidade renal crónica e familiares; grupos de apoio para o empoderamento de persoas con ERyMES; para a vida autónoma e independente das persoas afectadas de enfermidades neuromusculares coa axuda de asistencia persoal; para o servizo de fisioterapia da entidade Acem Compostela; para o proxecto de rehabilitación fisioterapéutica para persoas con párkinson e enfermidades raras; de atención social a persoas afectadas de esclerose múltiple e para unha vivenda de estadía temporal para pacientes oncolóxicos e familiares.

O Plan de Prioridades contempla tamén outros programas como o de atención temperá e discapacidade infantil da entidade Misela; de prevención e atención dos trastornos de desenvolvemento infantil da asociación Vontade; a reforma de almacén-garaxe do centro de recursos de Íntegro; a vivenda tutelada de Avante e as obras de reforma do centro de recursos de Adapta.