• Novas
  • 29 de diciembre de 2020

COGAMI e as entidades membro desenvolveron un total de 24 programas a través da X Solidaria

COGAMI e as entidades membro desenvolveron un total de 24 programas a través da X Solidaria

Cando unha persoa contribuínte marca a X Solidaria, destina o 0,7% do IRPF a programas que desenvolven as ONG, como é o caso de COGAMI e as súas entidades membro, que este ano puideron desenvolver un total de 24 proxectos a favor das persoas con discapacidade que representan. Todos estes programas están enmarcados como de interese xeral para fins de carácter social, con cargo á asignación tributaria do 0,7 % do imposto sobre a renda das persoas físicas e que xestiona a Consellería de Política Social.

Algúns destes proxectos están enmarcados como actividades que favorecen a autonomía persoal e inclusión social e laboral das persoas con discapacidade, incluídos no Programa de atención integral, como é o caso do Servizo de Atención Integral desenvolvido pola asociación AMIZADE, o de Atención Sociosanitaria a través da Terapia Ocupacional de AVEMPO, o de Rehabilitación integral, promoción da autonomía persoal e benestar das persoas con discapacidade física de GRUMICO, o Servizo de Información e Orientación de CONARTRITE, o Programa de Atención Integral para persoas con Esclerose Múltiple de ACEM CORUÑA e o Servizo de Formación de COGAMI en Lugo.

Outros programas desenvolvidos a través da X Solidaria teñen que ver coa atención especializada a persoas con patoloxías crónicas e/ou dexenerativas que poden derivar nun elevado grao de dependencia, como é o caso do programa desenvolvido por ACEM SANTIAGO de Intervención psicolóxica en esclerose múltiple, ou as actividades encamiñadas a mellorar a calidade de vida, a autonomía persoal e a inclusión en GRUPO FERROL, mentres que ALCER Coruña puido manter en activo o seu Servizo de Atención do impacto sobre o proxecto de vida a persoas con enfermidade renal crónica e familiares, en ALCER Ourense e ALCER Pontevedra apostaron polo servizo de Información e asesoramento a persoas con enfermidade renal e familiares, e en COGAMI continuaron co seu programa de Traballo Social.

Outras das entidades beneficiarias por todas as persoas que marcaron o recadro de Actividades de Interese Social na declaración da renda son MISELA, que puido desenvolver o seu programa de Atención Temperá e Discapacidade Infantil, COGAMI que puido ter operativo o seu programa de lecer, mentres que a asociación VONTADE mantén en activo o servizo de transporte adaptado, ASEM Galicia aposta pola Vida autónoma e independente das súas persoas usuarias co programa VAVI e ASOTRAME ten a disposición de pacientes oncolóxicos e familiares unha vivenda de estancia temporal.

Dentro do apartado de axudas para a adquisición de subministracións, equipamentos e vehículos, COGAMI poderá mellorar a atención directa das persoas usuarias co desenvolvemento dunha aplicación informática, o centro de recursos de Medelo puido realizar obras de mellora no centro, potenciouse o servizo de transporte adaptado coa adquisición dun vehículo tanto en COGAMI como na asociación AMARAI, mentres que a asociación AGORA actualizou o mobiliario das dúas vivendas tuteladas e ADISBISMUR comprou maquinaria para os obradoiros de viveirismo e cestería.