• Novas
  • 05 de junio de 2023

COGAMI e entidades membro desenvolven este ano vinte e cinco programas a través do plan de Prioridades de Fundación ONCE

COGAMI e entidades membro desenvolven este ano vinte e cinco programas a través do plan de Prioridades de Fundación ONCE

Co fin de mellorar a calidade de vida das persoas con discapacidade en Galicia, COGAMI e as súas entidades membro presentaron proxectos á convocatoria de subvencións do programa de atención e autonomía persoal de COCEMFE e que convoca a Fundación ONCE a través do seu plan de prioridades.

Neste ano, foron vinte e cinco os programas aprobados dos que cinco van ser desenvolvidos pola Confederación no centro de recursos de Fingoi, en Lugo, no que se aprobou a mellora do servizo de transporte adaptado, un cambiador inclusivo ademais de traballos de mellora da carpintería exterior co centro. O centro de Medelo, en Silleda, tamén se beneficia deste Plan de Prioridades ao poder realizar obras de mantemento na fachada de pedra e a reforma do pendello, ademais do tratado da carpintería exterior e armarios.

Dentro do movemento asociativo, obtiveron financiación para levar a cabo os seus proxectos as entidades de ámbito autonómico Asociación Galega de Linfedema, Lipedema, Insuficiencia venosa crónica e outras patoloxías vasculares periféricas (AGL), para o servizo de fisioterapia especializado para persoas diagnosticadas de linfedema e lipedema; a Asociación Galega de Transplantados de Medula Ósea (Asotrame) continuará coa vivenda de estancia temporal para pacientes oncolóxicos e familiares; a Asociación Galega de Fibrose Quística (AGFQ) para o servizo de atención integral e a Asociación Galega Contra as Enfermidades Neuromusculares (Asem Galicia) para o proxecto de vida autónoma e independente coa axuda dun asistente persoal.

Na provincia de A Coruña, a asociación ACEM Compostela realizará o servizo de atención fisioterapéutica; AGAPA desenvolverá un servizo de apoio dirixido a promocionar a autonomía persoal de persoas con amputacións; Alcer Coruña daralle continuidade ao servizo de atención do impacto sobre o proxecto de vida a persoas con enfermidade renal; a entidade Misela executará o programa de respiro familiar e atención de trastornos do desenvolvemento infantil; ConArtritis Santiago seguirá co proxecto de xestión da dor e deporte adaptado e Parkinson Galicia para o servizo de fisioterapia dirixido a persoas diagnosticadas desta enfermidade.

Na provincia de Lugo, a través da financiación do Plan de Prioridades, a asociación A Mariña COGAMI, realizará o programa de promoción da autonomía persoal; a asociación Alcer Lugo seguirá co de atención psicolóxica en persoas con enfermidade renal e Alucem continuará co programa de atención psicolóxica a persoas afectadas por esclerose múltiple, ELA e enfermidades afíns.

Na provincia de Ourense, a asociación ACCU realizará o seu servizo de atención integral, promoción da autonomía e inclusión social de persoas con enfermidade inflamatoria intestinal; AODEMPER executará o proxecto vida independente: proxecto de rehabilitación fisioterapéutica para persoas con parkinson e enfermidades raras mentres que Alcer Ourense realizará o proxecto de axudas de emerxencia para persoas con enfermidade renal crónica en situación de pobreza en Ourense.

Na provincia de Pontevedra, a asociación Adapta realizará o proxecto de rehabilitación e reforma para a posta en funcionamento dun centro de recursos para persoas con discapacidade; Alcer Pontevedra continúa co programa de atención psicosocial para persoas con enfermidade renal crónica; Avempo executará o seu proxecto de atención social a persoas afectadas por esclerose múltiple e a entidade Vontade seguirá co programa de prevención e atención dos trastornos do desenvolvemento infantil.