A Fundación María José Jove e COGAMI organizan “Aprendendo a Incluír”: un ciclo de tres charlas para sensibilizar, dende unha perspectiva práctica, da realidade da inclusión no ámbito educativo. Dirixidas a todas aquelas persoas que se consideren Educadoras, no sentido máis amplo da palabra (profesores e formadores en calquera disciplina, familias e público en xeral) as tres xornadas desenvolveranse os xoves 13, 20 e 27 de abril na sede da Fundación María José Jove.
Realizadas en colaboración con COCEMFE e coa financiación de Fundación ONCE e o Ministerio de Dereitos Socialis e Axenda 2030, para COGAMI e Fundación María José Jove nunha aula existe alumnado con perfís moi diferentes, por iso, a escola inclusiva é aquela capaz de ofrecer un ensino cunha adaptación curricular que teña en conta as características e necesidades de cada alumna e alumno, promovendo o seu máximo desenvolvemento persoal e profesional.
Cada charla abordará unha realidade. A primeira (13/04), será sobre educación inclusiva e exemplos prácticos, e participarán Juan Miguel Díaz Vázquez, profesor de EF do IES Salvador de Madariaga e Adrián Torrado Redondo, que contará a súa experiencia na que, grazas a dous profesores, deixou de depender dunha cadeira de rodas e puido camiñar.
A segunda (20/04) centrarase na importancia da educación temperá na inclusión, estratexias, atención e exemplos nas aulas, coas intervencións de Francisco e Ana Isabel Ledo Carballo de COGAMI.
A última (27/04) abordará a soidade na escola, como outra forma de exclusión invisible, co testemuño de Antón Fontao, membro do grupo EXI «Estudantes pola Inclusión» e Carmen Saavedra, creadora do blog Cappaces.
As tres charlas levarán a cabo en horario de 17:30 a 19:30 horas, sendo a entrada gratuíta previa inscrición. Non é necesario que acudas ás tres charlas, aínda que na inscrición pídevolo, podes escoller a que máis che interese.
Podes inscribirte a través deste enlace ata o 11 de abril www.fundacionmariajosejove.org.