• Novas
  • 02 de marzo de 2022

COGAMI e o Alcalde da Guarda valoran o servizo de emprego que presta COGAMI neste concello

COGAMI e o Alcalde da Guarda valoran o servizo de emprego que presta COGAMI neste concello

A coordinadora da oficina de COGAMI en Vigo, Susana Rodríguez, e a orientadora laboral, Laura Malvar, mantiveron unha xuntanza co alcalde da Guarda, Antonio Lomba, para compartir información e facer unha valoración do servizo que COGAMI presta no municipio.

Dende hai 18 anos, COGAMI ofrece neste Concello o servizo de Orientación e Intermediación Laboral (SIL) como aposta pola inclusión das persoas con discapacidade no mercado laboral. Co fin de evitar desprazamentos ás cidades, dende COGAMI achegan o servizo á poboación, sendo a orientadora laboral a que se desprace ata os concellos de zonas rurais.

O SIL conta cunha nova orientadora nesta zona da Guarda, Laura Malvar, quen aproveitou a xuntanza para presentarse ao rexedor e para trasladarlle datos como que actualmente, este servizo conta cunha base de datos que contempla 71 persoas inscritas de A Guarda, 28 mulleres e 43 homes.

Ademais de entrevistar ás persoas con discapacidade, dende o SIL tamén contactan coas empresas e comercios da zona para captar tanto ofertas de emprego como tamén para a acollida en prácticas de persoas que se forman nos cursos que imparte anualmente COGAMI co fin de formar e reciclar ás persoas que están apuntadas na base de datos.