O alcalde de Silleda, Manuel Cuiña, mantivo unha xuntanza co presidente de COGAMI, Anxo Queiruga, e co director do centro de recursos de Medelo, Iván García.
Durante o encontro, no que abordaron distintas cuestións e temas relacionados ca colaboración entre as dúas entidades, tamén se debateu sobre a accesibilidade nas rúas e espazos públicos das dúas vilas do concello.
“Acordamos que COGAMI teña acceso a todos os novos proxectos que se vaian expoñendo e comprometémonos a executar por fases a mellora da accesibilidade”, indica o alcalde.
Deste xeito, as primeiras actuacións acometeranse no entorno da estrada N-525, que a día de hoxe rexistra polas antigüidades dos tramos as maiores deficiencias en canto a accesibilidade para as persoas con mobilidade reducida.
Neste senso Cuiña reiterou o agradecemento do Concello de Silleda a COGAMI pola súa participación na elaboración do Plan de Mobilidade Urbana Sostible e polo “completo estudio que realizaron xunto a Working Wheels e que foi presentado a finais de 2018”, engade.
O Presidente de COGAMI aproveitou a xuntanza para transmitirlle ao Concello de Silleda as melloras da accesibilidade no entorno do centro de saúde de Silleda e de novas urbanizacións como a da residencia de maiores.
Outro dos temas tratados foron as diferentes liñas de colaboración que vén mantendo o concello de Silleda co centro de recursos de Medelo.