Este luns, 9 de xullo ás 12:00 horas, asinamos un convenio de colaboración entre COGAMI e o Concello de Ferrol, a prol da inserción laboral das persoas con discapacidade.
O convenio foi rubricado no Salón de Recepcións do Pazo Municipal polo alcalde de Ferrol, Jorge Suárez, a concelleira de Benestar Social, Saínza Ruiz, e o vicepresidente de COGAMI, Ramón Sestayo, co obxectivo de contribuír ao financiamento do Servizo de Intermediación Laboral da entidade, que en 2017 xestionou 185 ofertas de emprego e contribuíu a que 233 persoas das Comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal atoparan un emprego.
Actualmente, a oficina de COGAMI en Ferrol atende a máis de 3.000 persoas con discapacidade das Comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal, e segundo as cifras recollidas a 30 de xuño de 2018, xestionáronse 96 ofertas de emprego e 141 persoas con discapacidade inseríronse laboralmente.
O Servizo de Intermediación, Orientación e Prospección de Emprego (SIL), centro colaborador do Servizo Público de Emprego de Galicia, conta cun equipo formado por 40 orientadoras e orientadores e axentes de emprego localizados nas sete cidades galegas, que se desprazan para atender as necesidades das zonas rurais.
As/os profesionais do SIL realizan entrevistas de orientación laboral, visitan empresas para a captación de ofertas de emprego e sensibilización sobre a discapacidade, desenvolven accións grupais de busca de emprego e de motivación, entre outras accións, coa finalidade de que as persoas con discapacidade que buscan un emprego atopen unha oportunidade no mercado laboral.