• Novas
  • 24 de agosto de 2017

COGAMI é unha das entidades beneficiarias do programa Máis Emprego da Fundación Bancaria "la Caixa"

COGAMI é unha das entidades beneficiarias do programa Máis Emprego da Fundación Bancaria "la Caixa"


COGAMI foi unha das seis entidades sociais galegas escollidas por Obra Social La Caixa para desenvolver o programa Máis Emprego, un proxecto que ten unha finalidade moi clara: mellorar a inserción sociolaboral das persoas con discapacidade e/ou incapacidade laboral en situación ou risco de exclusión, mediante a activación para a busca de emprego e o trazado de itinerarios integrados e personalizados de cara á inserción.

Cofinanciado pola Fundación Bancaria “la Caixa” e o Fondo Social Europeo no marco do Programa Operativo de Inclusión Social e da Economía Social (POISES) 2014-2020, este programa estase a desenvolver en Pontevedra e nel participan persoas das comarcas de O Salnés, Pontevedra e Vigo, sendo orientadas todas elas por dous técnicos en inserción laboral, Mercedes Mallo e Lucas Clavero.

As actuacións que se están levando a cabo inician cunha entrevista individual que servirá para coñecer os intereses das persoas e deseñar un perfil laboral que contemple as necesidades e potencialidades. Recollidos estes datos, a persoa será orientada cara ao emprego, formación para o logro dun emprego ou outro tipo de actividades ocupacionais. Precisamente está xa programado un curso de carretilleiro no que se van formar 29 persoas das comarcas de O Salnés e Pontevedra.

Outras actuacións previstas son a visita a empresas coa finalidade de captar ofertas de emprego e tamén para analizar as necesidades de especialización de persoal que teñen, co que poderemos impartir accións formativas adaptadas a estas necesidades da empresa.

O programa Máis Emprego é de carácter anual e finalizará no ano 2023.