COGAMI é unhas das seis entidades que colaboran na campaña lanzada polo concello de Lalín e denominada Lalín Diverso, que ten por finalidade fomentar a igualdade entre persoas. Esta campaña consiste na colocación de 40 bandeiras de lona nas rúas máis transitadas nas que se recollen mensaxes que foron trasladadas por cada unha das entidades participantes, sendo ademais de COGAMI, Udiaf, Aspadeza, Working Wheels, Morea e Aranes.
Presentada en rolda de prensa polas concellerías de Igualdade e Política Social, á que asistiu o coordinador do centro de recursos que COGAMI ten en Medelo, Iván García, esta campaña pretende poñer en valor a igualdade entre persoas, independentemente do xénero, etnia ou condición.
As bandeiras, que van estar colgadas ata o mes de outubro, comprenden unhas dimensións de 1 metro de longo por 50 centímetros de ancho e nelas pódense ler mensaxes como “A tolerancia é o camiño cara a liberdade” ou “Aposta pola igualdade partindo de que todas e todos somos diferentes”, frases que foron recollidas polas persoas usuarias do centro de Medelo. A finalidade é poder chegar á cidadanía, sobre todo á xente nova.