Despois de meses de traballo, o equipo que forma a área de Accesibilidade de COGAMI fixo entrega, no concello de Xinzo de Limia, dunha análise exhaustiva sobre o estado dos edificios municipais en cuestións de accesibilidade. Nunha xuntanza mantida coa alcaldesa, Elvira Lama, o concelleiro de Urbanismo e Mobilidade, Ramón Gómez, o edil de Infraestruturas, Rafa Penabad, co equipo técnico de Accesibilidade de COGAMI, Diego Piñeiro e Belén Vaz, entregouse un informe no que se detectan os puntos críticos nos que se deberá actuar para eliminar as barreiras que dificultan a vida cotiá das persoas con discapacidade.
A partir deste informe está previsto que se dea a coñecer o antes posible o que vai ser o primeiro Plan de Accesibilidade de Xinzo de Limia, documento que converterá a este concello nun modelo no que se refire á eliminación destes obstáculos. O documento prevé intervencións en todos os edificios públicos do concello, ao mesmo tempo que se constitúe como un referente para as novas obras, de maneira que as construcións que se efectúen no municipio cumpran ao 100% as condicións de accesibilidade. Prevese que teña dez anos de vixencia.
Este plan pretende ser unha ferramenta indispensable para o desenvolvemento de futuras actuacións en materia de infraestruturas, construción de inmobles ou de instalacións de calquera tipo. Incluso está prevista a eliminación de barreiras sensoriais e cognitivas, ademais das arquitectónicas, como por exemplo a inclusión de braille en algúns espazos.