COGAMI inaugura a exposición “28 anos no camiño da inclusión”, unha mostra na que se poden ver 31 fotografías que reflicten a traxectoria da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade na defensa dos dereitos das persoas con discapacidade física e orgánica.
Esta mostra está integrada no marco do programa “Capacitarte” do CERMI Galicia, impulsada pola Consellería de Política Social a través da Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, que pretende amosar unha Galicia inclusiva e igualitaria’.
Durante a inauguración, que xuntou a máis de 40 persoas do movemento asociativo de COGAMI, estiveron tamén presentes o conselleiro de Política Social, José Manuel Rey, a directora xeral da discapacidade, Fabiola García, o vicepresidente de COGAMI, Ramón Sestayo e tamén membros da xunta directiva do Cermi Galicia.
Esta mostra recolle en 20 paneis escenas cotiás de persoas con discapacidade física e orgánica como vía para acadar a inclusión e a non discriminación. Cada foto recolle un texto explicativo no que se describen programas, proxectos de vida, oportunidades, escenas da vida diaria que nos identifican a todas as persoas máis do que ás veces pensamos, se deixamos a un lado os prexuízos, dámonos conta de que son máis as similitudes que nos unen que as diferenzas que nos poidan separar. En palabras de Ramón Sestayo “as persoas con discapacidade queremos vivir a nosa vida, e tomar as nosas propias decisións. Temos que apoiar proxectos de vida e promover a vida independente”.
A través desta mostra COGAMI quere abrir mentes, rachar ideas preconcebidas e prexuízos como que unha muller con discapacidade non pode ser nai, que as persoas con discapacidade non poden traballar, ou que non lles gusta estar ao día en tecnoloxías, en formación, na práctica de actividades deportivas, de lecer,... en definitiva, as persoas con discapacidade son persoas que forman parte da sociedade e queren participar dentro dela, como amosan as fotos seleccionadas. Segundo o Conselleiro dixo “que esta mostra fala de igualdade, de non discriminación e de oportunidades para todas as persoas”. O titular de Política Social aproveitou este acto para comunicar que a súa consellería incrementou nun 8% os orzamentos destinados ás persoas con discapacidade, ata situarse nun total de preto de 103 millóns de euros e tamén pediu desculpas pola demora na emisión dos certificados de discapacidade e polo retraso na aplicación da lei de accesibilidade.
Esta mostra está promovida polo Cermi Galicia, entidade da que forma parte COGAMI e estará aberta durante todo o mes de abril.