Alumnado dos cursos de 3º e 4º da ESO do colexio Vigo de Redondela asistiron a unha charla sobre prevención de lesión medular que lles impartiron a traballadora social de COGAMI en Vigo, Xulia Garrido, e máis Iván Pombo, un voluntario e usuario da Confederación.
Durante esta charla, realizouse unha exposición teórica sobre cales son as situacións de risco para poder ter unha lesión medular, como os mergullos en lugares perigosos ou as caídas dunha motocicleta, bicicleta ou monopatín cando non se leva a indumentaria apropiada.
Iván Pombo, voluntario de COGAMI, explicou en primeira persoa como se vive cunha lesión medular e contou a súa experiencia vital.
Con estas charlas inténtase contribuír á paulatina redución dos índices de discapacidade adquirida na poboación en xeral, e entre a mocidade en particular. É unha actividade que desenvolve COGAMI e que está orientada a colexios, institutos, centros universitarios e centros laborais co obxectivo de concienciar aos grupos de risco –mocidade, deportistas, profesionais- sobre as situacións de perigo máis evidentes como poden ser os accidentes domésticos, as caídas, os mergullos en zonas perigosas e os hábitos de prevención.