COGAMI iniciou en Cangas do Morrazo, no local municipal do Paseo de Castelao, nº2, un curso de Almacén e carretilla ao que asisten 14 persoas, 4 mulleres e 10 homes, todas elas con discapacidade recoñecida ou con incapacidade laboral para profesión habitual.
Esta formación, financiada pola Fundación “la Caixa” en colaboración co Fondo Social Europeo (FSE), está enmarcada dentro do programa Máis Emprego, programa que ten por obxectivo o acceso ao mercado laboral por vez primeira e tamén a reciclaxe profesional.
O alumnado, que conta con idades comprendidas entre os 20 e os 56 anos, procede dos concellos de Cangas, Soutomaior, Bueu, Marín, Moaña e Redondela. De luns a venres, en horario de 9 a 14 horas, asistirá ás clases teóricas que contarán cunha duración de 30 horas na que recibirá formación básica de almacén e poderá obter o carné de carretilla elevadora segundo a UNE 2016. O resto das horas da totalidade de 100 que contempla o curso, serán realizadas como prácticas en empresas nas zonas de residencia do alumnado, co fin de facilitarlle o contacto co tecido empresarial da zona e, polo tanto, de favorecer a súa inserción.
Ao rematar esta formación, o alumnado recibirá un seminario complementario de mellora da empregabilidade, no que se lle facilitará información sobre ferramentas e técnicas para a posta en marcha da súa busca activa de emprego.