As aulas formativas que COGAMI ten en Ferrol (rúa Sánchez Calviño, nº 56-58) iniciaron tempada escolar especializada na formación de persoas con discapacidade.
Durante esta semana iniciaron aquí tres cursos, un de Operacións de gravación e tratamento de datos, outro de Operacións auxiliares de servizos administrativos e xerais e o terceiro de Atención Sociosanitaria a Persoas Dependentes en Institucións Sociais.
Os tres cursos completaron as 15 prazas que ofertaban cada un deles, co que son un total de 45 as persoas que se están formando en Ferrol (das que 29 son mulleres e 16 homes) procedentes dos concellos de Ferrol, Narón, Fene, Valdoviño, San Sadurniño, Ares e Cedeira.
Financiados pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, estes cursos pretenden ser unha oportunidade para aquelas persoas que agora están en situación de desemprego, poidan aprender unha profesión e adquirir a conseguinte oportunidade de inserción laboral.
Tralas clases teóricas, o alumnado terá que realizar prácticas laborais en empresas da zona. Está previsto que todos os cursos rematen no mes de febreiro de 2018, momento no que o alumnado recibirá o certificado oficial de profesionalidade.
Estas formacións teñen por obxectivo conseguir un incremento das posibilidades de inserción laboral nas persoas traballadoras desocupadas e, no caso de COGAMI, que teñen discapacidade.