De Pontevedra, Poio, Marín e Cambados son os cinco alumnos e unha alumna que iniciaron un curso de formación en alfabetización informática que lles imparte COGAMI nas instalacións do Pazo da Cultura do Concello de Pontevedra.
As seis persoas que iniciaron esta formación teñen en común que están apuntadas como demandantes de emprego no Servizo de Orientación e Intermediación Laboral (SIL) que COGAMI ten en Pontevedra. Todas elas teñen recoñecido o certificado de discapacidade ou o de incapacidade laboral para a profesión habitual e, salvo unha delas, todas superan os 45 anos de idade. O conxunto destas características implican que este grupo de persoas seleccionadas para a formación sexa considerado como colectivo desfavorecido na procura de emprego.
Estes cursos que desenvolve COGAMI teñen como obxectivo impulsar a inserción sociolaboral mediante a adquisición de habilidades informáticas necesarias para a xestión da vida diaria e para a realización de trámites coas administracións. Outros dos obxectivos son a adquisición de competencias para desenvolverse por si mesmas na xestión de ofertas de emprego difundidas a través de Internet e no manexo do ordenador para desenvolver tarefas propias dos diferentes empregos aos que optan.
Esta formación abrangue un total de 40 horas lectivas, sendo impartidas durante as mañás, en horario de 9 a 14 horas.